O radon é un elemento químico radioactivo que emana naturalmente do chan, atravesa a maioría dos materiais de construción e dilúese na auga. Disípase facilmente no ambiente exterior pero pode ser inhalado no interior das casas. E a inhalación de gas radon é a primeira causa de cancro de pulmón en persoas non fumadoras.
En canto a concentracións máximas de radon no interior dos edificios, o valor de referencia para o CTE é de 300 Bq/m³ pero a OMS recomenda evitar a exposición prolongada a partir dos 100 Bq/m³. En Galicia hai moitas variacións pero son frecuentes as medicións superiores a 1.000 Bq/m³ en planta baixa de vivenda.
As medidas correctoras a posteriori son máis custosas e menos efectivas. Por iso, recomendo efectuar unha medición profesional de concentración de radon, anterior a calquera reforma, e deseñar as medidas protectoras en función do resultado (láminas con certificado de coeficiente de difusión de radon <10-11 m2/s, soleiras ventiladas, cámaras de despresurización, sistemas de ventilación mecánica controlada, formigón experimental con dosificación especial, etc).